venres, 26 de setembro de 2025

CEN ANOS DE HISTORIA



Onte celebramos con orgullo o centenario do noso colexio, un século acompañando xeracións de estudantes na súa formación integral. Durante estes 100 anos, o noso centro construíu un espazo onde cada nena e cada mozo é valorado, apoiado e preparado para afrontar os retos do futuro con confianza e seguridade.

Queremos render unha especial homenaxe ás irmás Concha, Cándida e a todas as que contribuíron a que os valores do colexio se convertesen en realidade. Tamén agradecemos profundamente a confianza das familias e o compromiso do alumnado, do profesorado e de toda a comunidade educativa que fai posible que esta institución siga sendo un referente de educación e cultura.

Grazas tamén ás personalidades e aos representantes das distintas institucións que nos acompañaron nun momento tan emotivo.

Cen anos de historia, de esforzo e de dedicación, que nos enchen de orgullo e responsabilidade para continuar construíndo futuro.


26 SETEMBRO DÍA EUROPEO DAS LINGUAS

 

O 26 de setembro celebramos a sorte de vivir nun continente cheo de linguas, cada unha cunha historia e unha maneira única de mirar o mundo. Mais se hai unha lingua que nos toca máis de preto é o galego, a nosa, a que nos fai ser quen somos. Falar galego non é só comunicarnos: é querernos, é recoñecer que pertencemos a unha comunidade con memoria e futuro. Defender o galego é un acto de autoestima e tamén de responsabilidade, porque se nós non coidamos da nosa lingua, quen o fará? Celebremos hoxe todas as linguas, pero fagámolo lembrando que a nosa tamén merece estar viva, forte e orgullosa.


martes, 9 de setembro de 2025

AQUÍ TAMÉN SE FALA GALEGO


O noso alumnado, desde Primaria ata Bacharelato, participa este curso na campaña “Aquí tamén se fala”, en colaboración co comercio da nosa zona. É unha iniciativa cultural que naceu do Equipo de Dinamización da Lingua Galega do IES Plurilingüe Rafael Dieste (A Coruña), coa colaboración da Secretaría Xeral de Política Lingüística da Xunta de Galicia. Xa son máis de 200 centros de toda Galicia e preto de 50.000 estudantes os que se están sumando!

Agardamos que moitos locais se adhiran a esta proposta grazas ao entusiasmo da nosa rapazada, que se está a implicar de cheo para facelo posible.

En Pi e Margall fálase galego. Así o amosarán os comercios que coloquen o cartel nas súas portas, e así o demostraremos tamén nós, con orgullo e alegría por sermos parte dun eslabón nesa cadea de prestixiar á nosa lingua.

Graciñas! Aquí tamén se fala!


E lembra: “o peor galego é o que non se fala”.

Anímate ti tamén: fala galego, celébrao e compárteo!



luns, 8 de setembro de 2025

CURSO 25-26

 Moi bos días a todos e todas!

Durante as últimas semanas, o verán regalounos instantes para deternos. Raios de sol que nos encheron de enerxía, noites tranquilas para soñar en grande, aventuras que nos fixeron rir e momentos de calma para simplemente respirar.

Tivemos tempo para descansar, para recargar pilas e mirar a vida desde outro ángulo… e agora, con esa forza renovada, volvemos atopármonos aquí, neste lugar que é moito máis que un colexio: é un espazo onde as ideas crecen, as amizades se fortalecen os retos nos transforman.

Hoxe, damos a benvida a un novo curso, e con el por centos de oportunidades. Oportunidades para descubrir o que somos capaces de facer, para aprender dos nosos acertos e tamén dos nosos erros. Aquí ninguén empeza de cero: todos traemos na mochila o que vivimos, o que aprendemos e a ilusión polo que está por vir.

Non teñamos medo: medo a equivocarnos, medo a preguntar, medo a tentar algo novo. Porque cada paso —mesmo os que parecen pequenos— achéganos a converternos na mellor versión de nós mesmos.

Este curso é como mergullarse nun mar novo. O verán foi a beira na que tomamos aire, na que loitamos contra o lume… e agora é o momento de zambullirnos sen reservas, de nadar con curiosidade, de explorar cada recuncho do coñecemento e de compartir a viaxe con quen nos rodea.

Así que, respiremos xuntos, levantemos a mirada e démoslle a benvida a este novo curso que promete ser tan intenso como inesquecible e no que cumprimos cen anos!

Benvidos e benvidas ao curso 2025–2026! Que empece a aventura!


sábado, 10 de maio de 2025

Galardóns do certame audiovisual Rec.curta 25

 

Carmen

O día, 9 de maio tivo lugar a entrega dos galardóns do certame audiovisual Rec.Curta ao que se presentaron unha decena de traballos que optaban ás dúas categorías das que consta o certame. Primeira, dirixida a alumnado de 6ª de Primaria, 1º e 2º de ESO e segunda dirixida 3º, 4º ESO, Bacharelato e FP. O traballo recoñecido como Mellor docu-ficción da primeira categoría foi Carmen, baseado nunha historia real de emigración galega, elaborado por tres alumnas do colexio Inmaculada (carmelitas de Vigo) e na 2ª categoría, o xurado decidiu recoñecer como Mellor curta O eco do silencio, que xira ao redor do acoso escolar, da Inmaculada de Marín e como Mellor docu-ficción a Estrobo F, centrada na importancia de coidar a nosa contorna e o medio ambiente, realizada por alumnado do colexio María Assumpta de Noia.

Ademais, o seu traballo foi recoñecido e subido ao Portal da lingua logo de recibir os parabéns de Valentín García Gómez, secretario xeral da Lingua da Consellería de cultura, lingua e xuventude así como de Alfonso Pato, director do Festival de Cans.



 

xoves, 10 de abril de 2025

🏛️ Visita a Pontevedra: Un paseo pola historia da cidade do Lérez

O xoves 10 de abril, os alumnos de 2º da ESO realizamos unha saída didáctica para coñecer mellor a cidade do Lérez, Pontevedra, acompañados por Raquel, unha boa amiga e excelente guía que sempre nos contaxia o seu amor por esta cidade fermosa, chea de historia, cultura e encanto.

Comezamos o noso paseo saíndo do Museo de Pontevedra, mentres un dos dous grupos nos que nos dividimos accedía ao seu interior. O outro grupo iniciamos un percorrido pola zona antiga da cidade, que destaca, alén do evidente valor dos seus monumentos, pola súa beleza arquitectónica: un conxunto harmonioso de pedra, repleto de casas nobres blasonadas, soportais e prazas vivas e acolledoras.

Durante o camiño polas prazas de Pontevedra, Raquel explicounos a importancia da Basílica de Santa María A Maior, situada nun dos puntos máis elevados da cidade. Construída no século XVI, foi financiada polo gremio dos mareantes, cuxo barrio, A Moureira, se estendía ao pé da súa fachada sur, unha marabilla plateresca moi representativa.

Continuamos pola rúa Isabel II ata a Praza do Teucro, chamada así en honra ao mítico fundador grego da cidade. Alí detivémonos a admirar pazos barrocos do século XVIII, como o de Gago, Montenegro, o do conde de San Román ou o de Pita. Seguimos visitando as prazas de Curros Enríquez e Méndez Núñez, onde puidemos apreciar as pegadas da nobreza na arquitectura das súas casas.

O paseo levounos polas rúas labirínticas do centro histórico, evocadoras e especialmente fermosas pola noite, que se abren en prazas con nomes ligados á súa antiga función comercial: a Praza da Verdura, onde aínda se mantén o mercado, ou a Praza da Leña, cun cruceiro no centro, soportais, galerías e casas de boa cantería que forman unha das postais máis emblemáticas da cidade.

Neste último lugar está o Museo de Pontevedra, onde realizamos o intercambio de grupo. Logo dunha pequena pausa, entramos ao museo guiados por Paula, quen nos acompañou por unha interesante viaxe pola arte e a historia: desde a sala funeraria ata as obras máis destacadas como o Retablo de Belvís, a Virxe Branca ou a arte galega medieval. A visita rematou na sala de Castelao, unha parada moi especial, xa que este ano se conmemoran os 75 anos do seu pasamento.

Xa fóra do museo, continuamos cara á Praza da Ferrería, organizada ao redor dunha fermosa fonte do século XVI. Este espazo aberto inclúe tamén a Praza da Estrela e os Xardíns de Casto San Pedro, auténtico corazón da cidade, lugar de lecer e celebracións.

Nesta zona destaca o convento de San Francisco, con igrexa gótica de máis de cen metros, cun gran rosetón na fachada e tumbas de pontevedreses ilustres. Tamén visitamos a Igrexa da Peregrina, símbolo da cidade, construída en forma de vieira a finais do século XVIII e situada xunto ao Camiño Portugués a Compostela.

Finalmente, rematamos a ruta regresando ao Museo, onde pechamos esta xornada cultural que nos permitiu coñecer mellor a nosa historia, o noso patrimonio e o valor dunha cidade que sabe conservar o seu pasado con orgullo.

📚 Un día diferente, cheo de aprendizaxes e cultura, que nos axudou a entender un pouco máis quen somos a través das pedras e prazas dunha cidade que fala por si soa: Pontevedra.


xoves, 3 de abril de 2025

VISITA DE MIGUEL ANXO ALONSO DÍZ


Querido Miguel Anxo Alonso Diz,

Os alumnos de 1º ESO queremos agradecerche profundamente por estas dúas horas tan especiais que compartimos contigo. Foron momentos hipnóticos, nos que, tanto cativos como maiores, tivemos a oportunidade de aprender de primeira man o fermoso oficio de ser escritor. A túa xenerosidade, a paciencia e o cariño con que asinaches cada un dos libros das nosas rapazas e rapaces fixeron que a experiencia fose aínda máis máxica.

Grazas por dedicar o teu tempo a nós, por transmitir a túa paixón e por facernos sentir parte deste mundo tan fascinante da literatura.

Con cariño e gratitude,





sábado, 8 de marzo de 2025

8M

 


Non nos van calar

Non hai xustiza cando as nosas voces se perden no aire.

Non hai liberdade cando as nosas mans están atadas polo medo.

Non hai futuro cando as nenas deixan de soñar,

cando a violencia acurrala e apaga os nosos desexos,

cando o medo se converte en compañeiro de vida.

Rabia.

Rabia nas nosas entrañas,

rabia polas que foron silenciadas,

polas que caeron baixo as mans daqueles que creron que podían someternos.

Rabia porque a dor non se esquece, porque a ferida non se pecha.

Rabia por cada golpe dado, por cada palabra cruel,

por cada corpo machacado e cada alma rota.

Canto máis necesitamos sufrir para que a xente nos escoite?

Canto máis necesitamos berrar para que nos vixíen os ollos do mundo?

O silencio das rúas é a nosa condena,

a indiferenza das miradas, o eco das nosas voces

que seguen a chamar no escuro.

Pero non nos van calar.

A rabia que sentimos non é só dor,

é forza.

A forza de saber que a loita non é en balde,

que cada paso que damos, cada vez que erguémonos,

achégannos un pouco máis á liberdade que merecemos.

Xa non hai medo.

A luz que levamos dentro nunca se apaga,

e mesmo na noite máis escura,

seguimos camiñando,

seguimos loitando.

E alí onde a dor quixo afogar a nosa voz,

alí onde nos quixeran borrar,

nós levantámonos,

nós seguiremos,

e cada paso,

será unha promesa de que nunca volveremos mirar atrás.

A esperanza é nosa,

e nada, nin ninguén, poderá arrebatárnola.

venres, 7 de marzo de 2025

GAÑADORES DO CONCURSO CARTA DE SAN VALENTÍN

 Gañadores do concurso CARTA SAN VALENTÍN


  • 1º PREMIO: Juan Francisco Guanipa Prays polo seu poema  titulado Arrepentimento
  • 2º PREMIO: Jacobo Estévez García De La Villa polo seu poema adicado á súa irmá Marina
  • 3º PREMIO: Antón Isorna González polo fermoso poema adicado á figura da súa nai.

Parabéns aos tres! 

   






 Na sociedade actual, onde as redes sociais se convertiron nunha das principais vías de comunicación, parece que nos estamos afastando cada vez máis de métodos máis profundos e persoais para expresar os nosos sentimentos. Unha carta, un simple anaco de papel no que volcar as emocións e pensamentos, ofrece algo que as RRSS non poden dar: a intimidade e o tempo necesario para reflexionar antes de compartir.

Escribir unha carta é un acto de conexión real co outro, no que cada palabra se escolle con coidado, e cada pensamento se expresa de maneira profunda e sincera. A carta permite que as emocións se amosen sen a presión de transmitir algo en poucos caracteres ou de ser respondido de maneira instantánea. Ao contrario, crea un espazo no que os sentimentos se comunican de maneira auténtica, sen filtros nin superficialidades, e sen o risco de malinterpretación que pode xurdir nas RRSS, onde a rapidez e a inmediatez, en moitos casos, priman sobre a reflexión.

A recuperación da carta como medio de expresión de sentimentos permite, ademais, que a persoa que recibe esa mensaxe poida experimentala de maneira máis pausada e profunda. A carta, ao estar escrita á man ou ben pensada, leva consigo un toque persoal que a fai única, algo que o formato das redes sociais non pode alcanzar. Non se trata só de transmitir información, senón de compartir un anaco de ti de maneira auténtica e sincera, algo que nos achega máis á esencia do outro. Algo que vós fostes capaces de conseguir!

Aínda que as RRSS teñen a súa función, sería beneficioso para todos recuperar a carta como medio de comunicación afectiva. Este acto de escribir á man, de coller papel e pluma, non só nos permite conectarnos mellor coas nosas emocións, senón tamén coas outras persoas de forma máis verdadeira e duradeira.

En definitiva, as cartas son máis que simples palabras escritas; son testemuñas de momentos, sentimentos e conexións que perduran no tempo. Recuperar este xesto de expresar o que sentimos a través dun papel permite que as nosas emocións se mantigan vivas, que se coiden e se compartan con verdade. Na era da inmediatez, talvez o que máis necesitamos é darnos un tempo para reflexionar e ofrecerlle ao outro un recordo que non se perde na marea das RRSS. Quizais, ao retomar a arte de escribir cartas, atopemos de novo o valor de conectar de forma profunda, sen a presión do instante, sen apuros. Porque, ao fin e ao cabo, un sentimento sincero merecía ser expresado cunha dedicación que perdure no tempo, e non se quede atrapado na fugacidade dun "like" ou dun comentario.

Seguide poñendo paixón no que escribides e nunca deixedes de facelo desde o corazón, esa caixiña que sente e que nos move por amor.

Unha aperta fonda do EDNL do voso cole!

domingo, 23 de febreiro de 2025

23 F: BENQUERIDA ROSALÍA III

 E agora é a quenda dalgúns dos mellores traballos do alumnado de 4 ESO:

María Febrero Barros e Esther Alonso Rodríguez  

Esther Alonso Rodríguez                            
          María Febrero Barros