domingo, 29 de decembro de 2019

Xa chegou o inverno!


Nestas datas frías de inverno, son tempos da caída da folla, de paisaxes outonais de enorme beleza e con esta desculpa imos tratar o tema dos nomes das árbores e arbustos en galego, para contibuírmos ao coñecemento do medio que nos rodea. En todos os cursos e en todas as etapas podemos ir dando pasiños para dominar mellor o léxico da nosa lingua. Nesta época do ano obsérvanse, aínda con claridade, os distintos tipo de folla, o carácter de árbore perenne ou caduca, só con prestarmos un pouco de atención ao que temos ao noso arredor.
Imos poñer por orde alfabética os nomes das árbores e arbustos máis correntes en Galicia coa correspondente definición. Evitaranse , no posible,  o exceso de termos científicos e incluír algúns datos que poidan servir para identificalos dun xeito doado.

Abeleira: árbore que ten como froito as abelás, célebre por saír nas cantigas de amigo chamadas bailadas.
Abruñeiro: árbore da familia das rosáceas que ten como froito o abruño, unha especie de ameixa brava.
Acacia: árbore que florece en primavera, ten flores en acios de cor amarela que logo dan unhas sementes nunha especie de vaíña. É invasora. Moi vistosa nas beiras do Sil. Tamén hai a chamada falsa acacia, que ten flores brancas en acio e follas compostas redondeadas,
Aciñeira: árbore parecida ao carballo.
Acivro: arbusto con follas espiñentas e froitos vermellos en forma de baia, antigamente empregado como adorno por Nadal, actualmente é unha especie protexida.
Ameixeira: árbore da familia das rosáceas que ten como froito a ameixa.
Amieiro ou ameneiro: árbore que medra nas beiras dos ríos ou outros lugares húmidos.
Bevereira: árbore semellante á figueira que produce béveras.
Bido, bidueiro: árbore cadicufolia con casca de cor branca e follas triangulares. Antigamente a súa madeira empregábase para facer paus de zoco e hogano aínda se emprega para afumar e curar os queixos de San Simón en Vilalba.
Buxo: arbusto do xénero Buxus , de follas perennes, flores sen corola e froitos nunhs cápsula. Emprégase en sebes de xardíns. Medra lentamente e a madeira é moi dura polo que se emprga para facer instrumentos musicais. Na fraseoloxía está presente en frases como "estar san coma un buxo": estar forte, robusto.
Capudre: árbore característica da alta montaña. As follas parécense ás do freixo e bota unhas vistosas baias vermellas.
Castiñeiro: árbore de gran porte que produce castañas e madeira. Esta emprégase para facer mobles.
Carballo: árbore de folla caduca moi abondosa en Galicia. Produce landras e dela faise leña para quentarse no inverno ou secar os chourizos.
Carqueixa: arbusto de flores amarelas que medra nos montes. Empregábase para estrume dos animais.
Caxigo: carballo novo.
Cerdeira:árbore da familia das rosáceas que produce as cereixas.
Chopo: árbore de madeira branca e branda. Medra en lugares húmidos, crece con rapidez. Tamén chamado lamigueiro, olmo ou ulmeiro.
Ciroleira:árbore da familia das ros´ceas. produce as cirolas.
Codeso: arbusto de pouca altura, con flores amarelas.
Concheiro: Tamén chamado nogueira. produce os conchos ou noces. É de folla caduca.
Érbedo ou erbedeiro: medra en montes e produce os érbedos. Estes empréganse para elaborar licores e doces ou como comida dos paxaros.
Escambrón: arbusto espiñento da familia das rosáceas, con copa arredondada  e densa, flores brancas e froitos en baga de cor vermella. Tamen chamado estripeiro.
Espiño:arbusto ou árbore que se atopa nos lindeiros ou prados, con flores brancas que florecen en primavera e picos no talo. Tamén chamado espiño albar.
Estripeiro: escambrón.
Faia:árbore da familia das fagáceas, da que quedan poucas en Galicia, haina en Quiroga. É caducifolia, con casca grosa de cor gris e follas verde cinsento.
Fatoeiro: árbore da familia das rosáceas. ten como froito o fatón.
Figueira: árbore con toros retortos e grandes raíces- produce os figos.
Freixo: árbore que se emprega para madeira. Recoñécese polas súas follas compostas e as inflorescencias en forma de acio.
Guindeira: árbore da familia das rosáceas, cuxo froito é a guinda.
Lamigueiro: Outro nome é chopo.
Laranxeira: árbore con flores brancas moi recendentes que produce as laranxas.
Limoeiro: árbore que ten como froito o limón.
Loureiro: árbore de follas perennes, brillantes e verdes que se usan como condimento nalgúns pratos.
Maceira: árbore da familia das rosáceas que ten como froito a mazá.
Marmeleiro: árbore da familia das rosáceas que ten como froito o marmelo. En outono recóllese o seu froito para facer doce de marmelo.
Melocotoeiro: Tamén recibe o nome de pexegueiro. É unha  árbore froiteira que florece en primavera e produce o melotón.
Mimosa: árbore da familia das mimosáceas.
Nespereiro: árbore da familia das rosáceas. Ten como froito a néspera.
Nogueira: árbore caducifolia de bastante porte. Produce noces  tamén madeira.
Oliveira: árbore presente en Galicia en zonas como Quiroga, ten como froito a oliva, da que se extrae aceite.
Pereira: árbore rosácea que ten como froito a pera.
Pexegueiro: árbore de pouco porte, con flores rosadas que florecen en primavera. ten como froito o pexego.
Piorno: arbusto de pouca altura, con flores brancas que florecen en primavera.
Piñeiro: árbore perenne con follas en forma de agulla. O piñeiro manso produce piñóns, O bravo só madeira.
Plataneiro:árbore con bastante porte e con follas de gran tamaño. Emprégase para dar sombra en xardíns.
Pradairo: árbore con inflorescencias parecidas ás do freixo; as follas parécense ás do plataneiro. medra preto dos ríos.
Queiroga: arbusto de flores rosadas que medra nos montes, por ex, no Courel, florece en primavera.
Rebolo: carballo novo. Unha devesa de rebolos é unha reboleira.
Sabugueiro:árbore de pouco porte, con talos ocos, flores brancas que florecen por San Xoán e que logo dan uns froitos de cor viño en acios. Pódense comer en marmelada.
Salgueiro: árbore da familia das salicáceas. Emprégase para facer leña ou varas para os fréxeles.
Sanguiño: árbore ou arbusto de casca vermella. Cítao Curros no seu poema "Nouturnio".
Sobreira: árbore da que se extrae a cortiza, empregada para facer tapóns ou para outros usos.
Teixo árbore conífera, produce unhas baias negras velenosas, famoso por ser empregado polos galegos no monte Medulio para matarse e non entregarse aos romanos.
Tilleira :árbore da que se extrae tila, fanse infusións coas súas follas e flores.
Toxo: arbusto de flores marelas moi característico de Galicia. Empregábase para estrume dos animais, para facer esterco.
Ulmeiro:árbore chamada tamén amieiro, ameneiro, lamigueiro.
Uz:arbusto de flores brancas que medra nas ladeiras das montañas. Os toros de uz empregábanos antigamente os xamoneiros que compraban xamóns polas casas para furar o xamón e comprobar que non estaba perdido.
Vimbieiro: ou vimieiro ou bieiteiro arbusto caducifolio da familia das salicáceas con ramas alongadas e flexibles, amarelas e follas lanceoladas. Dá o vime ou vimbio, empregado para facer mobles ou cestos (castelán mimbre).
Xenebreiro: árbore que prodece un froito en forma de baga do que se fai a xenebra. Tamén chamado cimbro.
Xesta:arbusto de flores amarelas e semente en vaíña, empregado para facer leña, por ex. para roxar o forno do pan cando se coce.
Xilbarbeira: arbusto de follas triangulares. espiñentas que bota unhas baias de cor vermella. Antigamente empregábano os varrendeiros para facer vasoiras.









xoves, 19 de decembro de 2019

Suxestión para a cea de Nadal

Hoxe  queremos traervos unha suxestión para a cea familiar de Nadal. Se facedes  a proba, non dubidedes en compartir o vídeo ou a imaxe con nós, ben a través do correo como polos vosos fillos.
Velaí vai un primeiro prato e unha doce sobremesa. Bo proveito  e boas fiestas en familia!


luns, 9 de decembro de 2019

Homenaxe aos maiores



Os nosos alumnos de 2º ESO, foron visitar , nunhas  datas moi entrañables,  aos maiores da residencia Santa Marta, compartindo  con eles o seu cariño e sendo conscientes da importancia de compartir o máis valioso que temos: o tempo.
Os maiores son o espello no que debemos mirarnos, pois necesitan todo o noso cariño e paciencia, ingredientes fundamentais da receita para coidar deles. Non podemos esquecer que son os piares das nosas vidas, que nos coidaron, acompañaron , ensinaron e agora é o momento de demostrarlles a nosa gratitude por darnos unha vida. Algún día, eses maiores seremos nós!
Grazas a todos eles!

A RECONQUISTA DE VIGO-VEDRUNA

🏰🛡️ Descubrindo a historia de Vigo! 🏰🛡️ Hoxe os pequenos exploradores do primeiro e segundo aventurámonos polas rúas da nosa querida cid...