Os nosos alumnos e alumnas de 1.º de ESO participaron no proxecto “Aquí tamén se fala galego”, unha iniciativa de dinamización e normalización lingüística que naceu no IES Rafael Dieste da Coruña da man dos profesores Arcadio González Novoa e Alberto Pombo.
Esta proposta busca fomentar o uso do galego na contorna máis próxima ao alumnado, como comercios, institucións e espazos públicos, facendo visible a presenza da nosa lingua na vida cotiá e contribuíndo a rachar prexuízos sobre o seu uso. A través da colocación de carteis e adhesivos co lema “Aquí tamén se fala galego” e da realización de actividades creativas e participativas, o alumnado convértese en protagonista activo na defensa e promoción da lingua.
Trátase dunha campaña que medrou de maneira extraordinaria, na que participan centos de centros educativos de toda Galicia, converténdose nunha das maiores accións de dinamización lingüística impulsadas pola mocidade. Ademais, esta iniciativa recibiu importantes recoñecementos no ámbito educativo e cultural polo seu impacto na promoción do galego.
Velaí van algunhas mostras e mirade o ben que se desenvolven xa coa lingua!