xoves, 28 de febreiro de 2019

Benvido o ENTROIDO!



Chega o Entroido! 

Nós xa estamos a preparar, cos máis cativos, os nosos disfraces e estamos ilusionados pensando en decirlles que é unha celebración que afunde as súas raíces na escuridade dos tempos pasados e que, como calquera das nosas tradicións, é un costume que debemos manter. 
Cos maiores. degustaremos deliciosas sobremesas típicas do Entroido que, coma calquera celebración galega, está moi vencellada coa comida e o entroido non podía ser menos.

Pero, antes de nada, un pouquiño de historia para aprendermos sobre outra das nosas tradicións:

Que é o Entroido? 

Entroido é unha festa popular que significa “entrada” ou “comezo” da primavera e o rexurdimento da vexetación. 

Os días de Entroido celébranse así,:

  1. O Domingo de rapaces: É o primeiro do día de Entroido, os nenos e nenas preparan xiringas con auga para botarlle a xente.
  2.  Domingo Fareleiro ou Borrallento: Os mozos bótanlle ás mozas farelo (a casca do gran) ou borralla.
  3.  Xoves de Compadres: Os mozos pelexan coas mozas para quitarlles un boneco “o Compadre” feito por elas co desexo de queimalo. 
  4. Domingo Corredoiro ou Oleiro: Continúase a botar farelo e borralla. Tamén celébrase o xogo das olas onde vaise pasando de uns a outros unha ola ata que escacha.
  5.  Xoves de Comadres: Igual co Xoves de Compadres pero ao revés. 
  6. Domingo, Luns e Martes de Entroido: Son os días de festa propiamente ditos, e cando se celebran nos distintos lugares os desfiles e comparsas e a xente disfrázase. Nas casa é cando cómese o cocido ca cacheira e de postre filloas, flores e orellas. 
  7. Mércores de Cinza: Remátase a festa, quéimase o Meco ou entérrase a Sardiña, a xente participa como “viúvas”, “curas”, xente chea de dor. 
  8. Domingo de Piñata: É o primeiro domingo do tempo de Coresma e remata definitivamente o Entroido xo xogo da Piñata.
Por que e para que se levan máscaras na celebración?
As máscaras presentan distintas formas segundo a zona ou a comarca onde se celebren. As máis coñecidas son: 
  1. Os choqueiros ou vellos: Os máis comúns, a xente disfrázase ca roupa vella que atopa nos faiados. Atopámolos por toda Galicia, sen distinción de provincia.
  2.  Os boteiros: Levan camisa feita con cintas de cores fruncidas, pantalón vermello, campás penduradas no van, na testa, un tocado de arame ou madeira cunha carauta pintada de negro e cos beizos pintados de vermellos. Son das terras do Bolo.
  3.  Os xenerais: Montan sobre cabalos engalanados e vestidos con vellos traxes militares. Son das terras do Ulla. 
  4. Os cigarróns ou peliqueiros: Levan cinco ou seis chocas penduradas no van, camiñan a brincos e non falan, na man levan un mallo. Podes velos en Verín e Laza. 
  5. As pantallas: Levan unha vexiga na man e chocas tamén no van. Son de Xinzo. 
  6. Os madamitos e as madamitas: Levan un vestido elegante e van disfrazados de señoritos. Son de Cotobade. 
E falando de sobremesas...adxuntámosvos un enlace con algunhas das típicas sobremesas que se degustan nesta festa.

Xa sabedes!...a cociñar xuntos e a degustalos en familia!

domingo, 17 de febreiro de 2019

Novas expresións galegas

Aquí estamos de novo  con máis expresións típicas:


  1. Vas durmir quente, 
  2. amiguiños si, pero a vaquiña polo que vale,
  3. En vez de caldo, vanche vir sopas,
  4. O que ten medo, ten cu,
  5. Ter cara de toxo,
  6. Come, estudia e faite bo,
  7. Estar escarallado,
  8. Chegar e encher,
  9. Non te aturo,
  10. Leña verde e xente nova, todo é fume,
  11. Estar podres de cartos,
  12. Seguro que quedaches con fame, fághoche un bisté?
  13. Mentres fales non comes,
  14. Deixar a vergonza do galego...entre outras saídas das nosas. Coñecédelas? 

sábado, 16 de febreiro de 2019

Visita á Domus e ao Aquarium Finisterrae




Espectacular o día que tivemos onte para disfrutar xuntos na Domus e no Aquarium finisterrae , na Coruña. 

A Domus busca espertar a curiosidade e provocar a reflexión sobre a especie humana, algo que conseguiu, con creces, nos nosos alumnos e profes pois, pasamos unha mañá, divertida,  lúdica e didáctica na que, tras a visualización dun vídeo sobre a contaminación mariña e a súa repercusión nas especies na sala de cine, gozamos con actividades como a de relaxarnos para gañar unha partida nun xogo que medía a nosa actividade cerebral, experimentando coa nosa propia sombra, vendo como reaccionan as nosas meniñas ante a luz, comprendendo por que nos parecemos aos nosos pais, medindo a velocidade dun tiro de penalti, observando a diferencia entre un corazón humano e o o dunha vaca ou contemplando as imaxes dun parto real, ademais  de tirar unha foto ao lado do home máis alto do mundo, entre outras,  das propostas coas que disfrutamos na casa do home.

Xa no Acuario miramos as focas femias e macho, os tiburóns touro, seriolas, enormes meros, peixes , polbos...entre algunhas das especies mariñas que puidemos contemplar neste complexo acuario. Inaugurado en 1999 aos pés da Torre de Hércules, á que subimos tras visitar o acuario, disfrutando dunha temperatura ideal e dunhas espectaculares vistas.
O Aquarium Finisterrae forma parte, xunto á Casa das Ciencias e a Domus-Casa do Home, o conxunto de Museos Científicos Coruñeses. No seu interior hai peceras, acuarios, piscinas, módulos interactivos e ata un submarino de cristal chamado Nautilus... un entorno natural nuha cidade con encanto. Unha experiencia para compartir en familia!

Un día diferente onte a parte máis lúdica axudou a reforzar a aprendizaxe dos nosos rapaces.

xoves, 14 de febreiro de 2019

Visita de Ledicia Costas

Existen persoas simpáticas, antipáticas, lunáticas, aristocráticas, reumáticas… e indescritibles coma a señorita Bubble.
Na vila todo o mundo a chama a Meiga Caníbal pero… Quen é en realidade esa muller de aspecto peculiar?

Noa e Sofi, dúas nenas de espírito aventureiro están dispostas a descubrir que se agocha tras as portas da misteriosa Mansión Bubble...igual que nós tivemos hoxe, un día tan fermoso coma o día de San Valentín, para namorarnos, un pouco máis da súa escritora, Ledicia Costas,  que demostrou ter unha capacidade innata coa que cautivou  aos alumnos de 1º ESO e ás súas profes. Quedamos encantados de disfrutar dun rato coa creadora dunha fantástica historia. Divertida, tola, sensacional, excéntrica, unha novela fresca, chea de cousas e trebellos máxicos, con personaxes peculiares e mensaxes reivindicando á figura da muller . Quen non querería ser, coma a Señorita Bubble, inventora? e, ter un sombreiro cheminea? ...
L

martes, 12 de febreiro de 2019

A Nosa visita a Pontevedra e a Combarro



VISITA POR PONTEVEDRA E COMBARRO



O martes, 12 de febreiro, os alumnos de 4º ESO visitamos Pontevedra.

Saímos do colexio ás 9:20 da mañá e, cando chegamos á cidade do Lérez, dirixímonos ao Museo, onde nos esperaban Paula e Diana. Dividímonos en dous grupos e empezamos a nosa aventura. No interior do museo, visitamos a sala de Castelao onde se nos explicou todo o relativo ao autor. Despois fomos visitar a sala da prehistoria, onde puidemos mirar as xoias da colección de Caldas, pezas de incalculable valor e que pesan 25 kilos e outras marabillas perfectamente conservadas. Os petroglifos, os castros, os enterramentos…unha viaxe fantástica na mellor compañía e, para rematar, e logo dun tempo breve de lecer, dirixímonos á praza da Ferrería onde nos esperaba Raquel, a nosa guía con quen fixemos un percorrido pola encantadora cidade do Lérez.
A seguinte parada foi a Praza da leña, a escasos metros da igrexa, un rincón singular que nos transportou a épocas distintas, e que se complementa con varios restaurantes típicos nos que se ofrece a gastronomía tradicional da zona.
A zona vella de Pontevedra é preciosa e puidemos disfrutala mellor, pois tivemos moi bo tempo que nos acompañou todo o día. Certamente foi un día soleado e espléndido!
A praza da verdura foi a nosa seguinte parada. Coñecida como Feira Vella, foi lugar de celebración de mercados de todo tipo ao longo de moitos séculos, malia que, co tempo, acabou por venderse nela froitas e verduras; de ahí o nome actual. Explicounos Raquel que alí está a antiga fábrica da luz que albergou os primeiros xeradores eléctricos da cidade, pioneira en Galicia e segunda de España en contar con enerxía eléctrica.
As seguintes pausas foron, entre outras a praza do Teucro, da que nos contaron que, o arqueiro grego Teucro, medio irmá de ájax e sobriño do rei Príamo, logo da guerra de Troia, viaxou a Occidente e fundou Pontevedra. Alí puidemos admirar edificios interesantes coma o Pazo dos Gago ou o dos Montenegro, verdadeiras xoias do barroco galego do século XVI; ademais de explicarnos os distintos escudos das ilustres familias que vivían naquel tempo na cidade. Marabillosos exemplos de riqueza heráldica de Pontevedra!
A praza da Ferrería é, sen dúbida, unha das prazas máis emblemáticas, carcterísticas e visitadas constituindo o centro neurálxico da cidade. Puidemos recrearnos coa casa das caras e os xardíns de Castro Sampedro, onde se atopa a afamada fonte da ferrería, as camelias en flor, das que se nos dixo serven hoxe para elaborar aceites, moi cotizados en cosmética e que serán, en breve, comercializados para as ensaladas e, como non, a igrexa de San Francisco e o Santuario da virxe Peregrina, catalogada, esta última, como Ben de interese cultural. Os alumnos contemplaron sorprendidos a impresionante cuncha de vieira que está no atrio da igrexa e que, grazas ao almirante Casto Méndez Núñez está alí e soubemos que a trouxo logo dunha longa travesía polo Pacífico . Actúa como pila de auga bendita.
Curiosa resultou a explicación do loro Rabachol, compañeiro na farmacia de Don Perfecto e que se convertiu en todo un símbolo da cidade e de quen soubemos que, cando morreu foi o seu enterro multitudinario; ademáis de ser un referente no entroido pontevedrés.
Disfrutamos dunha cidade con encanto, acolledora e da que levamos recordos gravados nas meniñas dos nosos ollos: casa nobles blasonadas, soportais, prazas, fontes, cruceiros…un escenario emblemático difícil de esquecer.

De volta, fixemos unha parada na vila mariñeira de Combarro disfrutando do seu encanto, dos seus hórreos, típicas construccións que enchen a vila e disfrutamos da súa natureza. Mestura mariña e rural, sen dúbida, un broche de ouro para a nosa viaxe cultural.

sábado, 9 de febreiro de 2019

A lingua das bolboretas

Desde o EDNL do cole, queremos convidarvos a que miredes a película " a lingua das bolboretas " baseada na obra de Manuel Rivas. Esperamos que, cun pequeno fragmento , axudemos  a que vos pique o verme e a miredes; así que: "gravando, cámara e acción". Disfrutade moito!

Cartografía dos apelidos en Galicia

Ola a todos!
Hoxe queremos sorprendervos cun enlace no que poder curiosear os vosos apelidos, así que mans á obra e a buscar cada un o seu! 



domingo, 3 de febreiro de 2019

Aquí seguimos ofrecéndovos a oportunidade de reflexionar sobre o uso da lingua con expresións galegas máis habituais do que pensades.
Quen non oiu isto?

MADIA LEVA

expresión que significa que tes a razón, que é verdade, por suposto. 

Sabedes de onde vén o nome de Combarro?

É unha bonita parroquia de Vila de Poio, en Pontevedra, e velaí a súa origen etimolóxica

  • combarro [m], combarrizo [m] 'corte, alpendre', do protocelta *kom-ber-o- 'xuntar'.Relacionado co francés medieval combres 'valado no río para a pesca.
e, ESTAR COMA UNHA CHOTA?, Sabedes o que é unha chota?  Un anaco de esterco arrincado do chan, forma que adoita ao ser arrincado o esterco.
Curioso, verdade? 
Pronto haberá máis e mellor porque a nosa lingua é así de fermosa e curiosa.







venres, 1 de febreiro de 2019

Refráns febreiro

Febreiriño corto, cos teus días vinteoito,
se duraras outros catro, non deixabas can nin gato,
nin ratiño no burato, nin ovella rabela,
nin pastor para ir con ela, nin cornos no carneiro,
nin orella ao pregoeiro.

A RECONQUISTA DE VIGO-VEDRUNA

🏰🛡️ Descubrindo a historia de Vigo! 🏰🛡️ Hoxe os pequenos exploradores do primeiro e segundo aventurámonos polas rúas da nosa querida cid...