martes, 12 de febreiro de 2019

A Nosa visita a Pontevedra e a Combarro



VISITA POR PONTEVEDRA E COMBARRO



O martes, 12 de febreiro, os alumnos de 4º ESO visitamos Pontevedra.

Saímos do colexio ás 9:20 da mañá e, cando chegamos á cidade do Lérez, dirixímonos ao Museo, onde nos esperaban Paula e Diana. Dividímonos en dous grupos e empezamos a nosa aventura. No interior do museo, visitamos a sala de Castelao onde se nos explicou todo o relativo ao autor. Despois fomos visitar a sala da prehistoria, onde puidemos mirar as xoias da colección de Caldas, pezas de incalculable valor e que pesan 25 kilos e outras marabillas perfectamente conservadas. Os petroglifos, os castros, os enterramentos…unha viaxe fantástica na mellor compañía e, para rematar, e logo dun tempo breve de lecer, dirixímonos á praza da Ferrería onde nos esperaba Raquel, a nosa guía con quen fixemos un percorrido pola encantadora cidade do Lérez.
A seguinte parada foi a Praza da leña, a escasos metros da igrexa, un rincón singular que nos transportou a épocas distintas, e que se complementa con varios restaurantes típicos nos que se ofrece a gastronomía tradicional da zona.
A zona vella de Pontevedra é preciosa e puidemos disfrutala mellor, pois tivemos moi bo tempo que nos acompañou todo o día. Certamente foi un día soleado e espléndido!
A praza da verdura foi a nosa seguinte parada. Coñecida como Feira Vella, foi lugar de celebración de mercados de todo tipo ao longo de moitos séculos, malia que, co tempo, acabou por venderse nela froitas e verduras; de ahí o nome actual. Explicounos Raquel que alí está a antiga fábrica da luz que albergou os primeiros xeradores eléctricos da cidade, pioneira en Galicia e segunda de España en contar con enerxía eléctrica.
As seguintes pausas foron, entre outras a praza do Teucro, da que nos contaron que, o arqueiro grego Teucro, medio irmá de ájax e sobriño do rei Príamo, logo da guerra de Troia, viaxou a Occidente e fundou Pontevedra. Alí puidemos admirar edificios interesantes coma o Pazo dos Gago ou o dos Montenegro, verdadeiras xoias do barroco galego do século XVI; ademais de explicarnos os distintos escudos das ilustres familias que vivían naquel tempo na cidade. Marabillosos exemplos de riqueza heráldica de Pontevedra!
A praza da Ferrería é, sen dúbida, unha das prazas máis emblemáticas, carcterísticas e visitadas constituindo o centro neurálxico da cidade. Puidemos recrearnos coa casa das caras e os xardíns de Castro Sampedro, onde se atopa a afamada fonte da ferrería, as camelias en flor, das que se nos dixo serven hoxe para elaborar aceites, moi cotizados en cosmética e que serán, en breve, comercializados para as ensaladas e, como non, a igrexa de San Francisco e o Santuario da virxe Peregrina, catalogada, esta última, como Ben de interese cultural. Os alumnos contemplaron sorprendidos a impresionante cuncha de vieira que está no atrio da igrexa e que, grazas ao almirante Casto Méndez Núñez está alí e soubemos que a trouxo logo dunha longa travesía polo Pacífico . Actúa como pila de auga bendita.
Curiosa resultou a explicación do loro Rabachol, compañeiro na farmacia de Don Perfecto e que se convertiu en todo un símbolo da cidade e de quen soubemos que, cando morreu foi o seu enterro multitudinario; ademáis de ser un referente no entroido pontevedrés.
Disfrutamos dunha cidade con encanto, acolledora e da que levamos recordos gravados nas meniñas dos nosos ollos: casa nobles blasonadas, soportais, prazas, fontes, cruceiros…un escenario emblemático difícil de esquecer.

De volta, fixemos unha parada na vila mariñeira de Combarro disfrutando do seu encanto, dos seus hórreos, típicas construccións que enchen a vila e disfrutamos da súa natureza. Mestura mariña e rural, sen dúbida, un broche de ouro para a nosa viaxe cultural.

Ningún comentario:

Publicar un comentario

A RECONQUISTA DE VIGO-VEDRUNA

🏰🛡️ Descubrindo a historia de Vigo! 🏰🛡️ Hoxe os pequenos exploradores do primeiro e segundo aventurámonos polas rúas da nosa querida cid...