Esta semana, celebrarase no noso colexio o II Encontro de Educadores Vedruna, entre o 23 e o 25 de xuño baixo o título ‘AVALIANDO: un bo momento para reflexionar e transformar’. O obxectivo deste congreso é poñer en común, a través da reflexión, a transformación e a innovación, as diversas experiencias educativas e a rede de aprendizaxe da Fundación Vedruna Educación.
O evento albergará talleres de boas prácticas impartidos por docentes dos diversos colexios, que abordarán temas como a intelixencia artificial, a avaliación formativa, as redes sociais como instrumento avaliador, a co-docencia ou a aprendizaxe cooperativa, entre outros.
Así mesmo, están previstas outras actividades que correrán a cargo de entidades colaboradoras como CITB, Innovamat, AOTech, Tekman, Aula Planeta, Edpuzzle, Kimple, Noobe, Snappet, Edelvives e Grupo Trevo. Ademais, Lenovo erixiuse no patrocinador principal.
O inicio do evento, na tarde do venres 23, contará coa presenza de autoridades do Concello de Vigo. O sábado, 24 de xuño, participarán na inauguración da xornada representantes da Xunta de Galicia. Ese día intervirá Carlos Magro, consultor e especialista en innovación educativa, estratexia e comunicación dixital, dando fin á parte académica.