xoves, 4 de abril de 2024

VISITA A CELANOVA.


No día de onte, 3 de abril, o alumnado de 3º ESO visitararon a vila de Celanova acompañados de tres profesoras. Partiron de Torrecedeira pasadas as 8.50 da mañá cara a Celanova, observando os cambios que na vexetación produciran as recentes choivas e o aumento do caudal do río Miño, sobre o que pasamos en Santa Cruz de Arrabaldo (Ourense). Deixamos Ourense á esquerda, refuxiada no seu val co seu río, aínda medio durmida, xa que recén viñamos de celebrar a Semana Santa.

Iniciamos a visita por zona eclesiástica da man dos nosos guías, Paula e Aquilino, quen nos explicaron a evolución do mosteiro ata os nosos días. Contáronnos que foi no ano 936 (século X), cando san Rosendo fundou o primeiro cenobio do que actualmente só se conserva a capela de San Miguel, de estilo mozárabe. Os primeiros monxes procedían mosteiro de San Esteban de Ribas de Sil e foi o seu primeiro abade, Os monxes adoptaron a regra de san Benito (Benedictinos), ampliando as dependencias do mosteiro, en estilo románico, pero do que non se conservan restos xa que un incendio na igrexa destruíuno practicamente. Desde o claustro pasamos ao exterior para contemplar a pequena capela de San Miguel de estilo mozárabe, con influencias do prerrománico asturiano que sorprende polas súas minúsculas dimensións, sobre todo na porta de acceso.

A continuación, visitamos a igrexa, cuxa fachada presiden as imaxes de San Benito, no centro, e ambos os lados as de san Rosende cruz latina con tres naves lonxitudinais e unha transversal. Nela destacan o
retablo do altar maior, as sillerías do coro alto e baixo e o órgano, un dos tres existentes en Galicia. Se cadra o máis coñecido para nó pola súa cercanía é o de Tui.

Sobre o altar, unha cúpula de media laranxa rematada nunha lanterna ilumina o lugar máis sacro da igrexa. Próximo ao altar sitúase o coro baixo, en madeira labrada, onde se colocaban os habitualmente os monxes para os cantos corais. A sillería do coro alto sitúase aos pés da igrexa, na tribuna, do mesmo xeito que o órgano. A sillería ten forma de U e no seu centro levántase o facistol, gran atril de catro lados sobre os cales se colocaban os grandes libros cantorales que contiñan os cantos para todas as cerimonias e que nos explicou Marisol Mendive, directora artística do Ciclo de órgano e música antiga , quen nos deleitou tocando varias pezas no órgano. Á mesma altura do coro alto, nun corredor lateral da igrexa, os tubos do órgano impresionan, sobre todo cando Marisol comezou a manipular os teclados, dous manuais e outro de pé, e o seu son enche todo o recinto. A organista explicounos que o órgano data de principios do século XVIII e que cada un dos 1800 tubos só emite un son, producido ao entrar o aire pola embocadura de cada un deles. O aire, orixinariamente xerábao un fol movido manualmente, substituído actualmente por un motor. Logo de disfrutar das deliciosas explicacións sobre como funcionaba o órgano, Keilin , acompañada da organista, declamou o coñecido poema “Do mar pola orela”, poema solto, titulado “A Rosalía” incluído no volume III da Obra Completa de Manuel Curros Enríquez (1851-1908) publicado en 1910, en Madrid e escrito en 1885 con motivo da morte de Rosalía de Castro, poetisa á que admiraba profundamente tanto pola súa arte como polo pioneiro compromiso social que el mesmo compartía.

A Rosalía
Do mar pola orela mireina pasar,
na frente unha estrela no bico un cantar.
E vina tan sola na noite sin fin,
¡que inda recei pola probe da tola
eu, que non teño quen rece por min!

A musa dos pobos que vin pasar eu,
comesta dos lobos, comesta morreu…
Os ósos son dela que vades gardar.
¡Ai, dos que levan na frente unha estrela!
¡Ai, dos que levan no bico un cantar!

Despois visitamos a Casa dos Poetas, casa natal de Manuel Curros Enríquez, cunha exposición permanente da vida do autor, así como doutros literatos ilustres de Celanova. Entre eles, Celso Emilio Ferreiro (Celanova, 1912), quen durante a posguerra foi un dos máximos expoñentes da literatura galega, con obras como Longa noite de pedra e Xosé Luis Méndez Ferrín, que, aínda que naceu en Ourense en 1938, pasou estancias en Celanova e ten unha casiña en Vilanova dos Infantes.

Volvemos á praza central onde nos esperaban os nosos guías para percorrer os corredores do “poleiro” e achegármonos á biblioteca, lugar emblemático pola súa arquitectura e por acoller unha importante biblioteca monacal, cuxos fondos desapareceron coa desamortización, indo parar a particulares e a museos como o Museo de Ourense, aínda que na actualidade posúe preto de 30.000 volumes para consultas escolares, aloxados nos andeis orixinais, horizontais, de traza barroca e que conservan marcas das cantoneras dos fusís, xa que foi armería durante a súa época como prisión.
Logo de visitala, unha das nosas guías preguntounos se alguén sabía tocar o piano e Borja púxose a facer os delicias dos alí presentes para rematar cun aplauso sonoro.

Logo, o autobús achegounos ao burgo medieval de Vilanova dos Infantes, un antiguo burgo medieval con moito encanto, lugar no que rematamos esta xornada. Desde o ano 1927, forma parte do Concello de Celanova e do que nos recoñeceron que é o pobo das tres mentiras; pois non é vila, nin é nova, nin ten infantes. Pero obviando isto, hai que dicir que nos encantou o seu coidado aspecto das rúas e prazas, as súas casas ben tratadas, os seus peculiares hórreos e, sobre todo, a reconstruída a Torre da homenaxe do desaparecido castelo, antiga casa do concello e hoxe musealizada para goce da nosa rapazada, pois subiron a ela e disfrutaron das explicacións da nosa guía. 

Non puidemos entrar no santuario da Virxe de Cristal, de gran devoción en boa parte da provincia de Ourense, e ultimamente protagonista dun capítulo negro, co roubo da Imaxe e o asasinato do sacerdote que a portaba –D. Adolfo-, aínda non resolvido pola xustiza. Segundo nos explicou Aquilino, non se puido reconstruír unha imaxe coas mesmas características que a primitiva, que está feita en vidro sen ningún tipo de xunta, que protexe a imaxe da Virxe, con todo detalle, de tan só 2 cm de altura. A efectos prácticos, teñen unha réplica, construída en resina ou material plástico que, aínda mantendo as formas e aspecto, dado os antecedentes de poderes sanadores e ata milagrosos da auténtica, resulta un tanto fraudulenta. A distancia, o guía, informounos do veciño xacemento de Castromao, un dos referentes da cultura castrexa do noroeste peninsular, e primeiro asentamento nestas Terras de Celanova.

Logo de empapármonos de tanta cultura e cun doce sabor de boca, subimos ao autobús para desfacérmolo camiño e regresar ao noso punto do que partimos. Chegamos sobre as 19:00 e podemos concluir recoñecendo que pasamos unha xornada de disfrute total.


Ningún comentario:

Publicar un comentario

PREMIOS REC-CURTA

REC-CURTA 24   Accésit animación Mellor curta 1ª categoría Mellor uso da lingua Mellor actor O venres, 3 de maio, foron entregados, no MUPEG...