luns, 29 de outubro de 2018

Teño morriña, teño saudade...

MORRIÑA

Que palabra tan fermosa! morriña da terra, morriña do noso, que dicía Rosalía de Castro.

É un sentimento de tristeza, é a melancolía que se sente cando se está lonxe da terra en que se nace.

Non podemos confundir morriña con saudade pois,  segundo afirma Ramón Piñeiro, moitas veces, morriña e saudade empréganse como sinónimos, pero son sentimentos diferentes. A saudade é un sentimento que sempre resultou difícil de definir, identificamos a saudade propoñendo varios sentimentos como a nostalxia, a melancolía e a propia morriña; todos correspondentes á liña de tristura. Isto débese a que o carácter depresivo que ten a tristura favorece a interiorización, achega á intimidade e mesmo por iso, ten certo punto de contacto coa saudade. Pero non chegan a ser a mesma cousa. A morriña pode ser, nalgún caso, unha consecuencia da vivencia da saudade. Cando o home sente saudade pode saír deste sentimento de dúas maneiras: ou entregándose a un pulo de transcendencia, o sentido final da cal é a procura do Ser, ou abandonándose a unha especia de pasividade interior "que conduce á caída na morriña" (melancolía).

Outras veces ocorre á inversa: séntese morriña por causas de orixe orgánica, psíquica, moral etc., e o seu efecto depresivo, xunto coa adherencia psicolóxica de tristura, tenden a producir un ensimismamento, unha interiorización anímica que nos pode levar ao sentimento puro da saudade.

Fermosa reflexión sobre un sentimento difícil de explicar.

Ningún comentario:

Publicar un comentario