🏛️ Visita a Pontevedra: Un paseo pola historia da cidade do Lérez
O xoves 10 de abril, os alumnos de 2º da ESO realizamos unha saída didáctica para coñecer mellor a cidade do Lérez, Pontevedra, acompañados por Raquel, unha boa amiga e excelente guía que sempre nos contaxia o seu amor por esta cidade fermosa, chea de historia, cultura e encanto.
Comezamos o noso paseo saíndo do Museo de Pontevedra, mentres un dos dous grupos nos que nos dividimos accedía ao seu interior. O outro grupo iniciamos un percorrido pola zona antiga da cidade, que destaca, alén do evidente valor dos seus monumentos, pola súa beleza arquitectónica: un conxunto harmonioso de pedra, repleto de casas nobres blasonadas, soportais e prazas vivas e acolledoras.
Durante o camiño polas prazas de Pontevedra, Raquel explicounos a importancia da Basílica de Santa María A Maior, situada nun dos puntos máis elevados da cidade. Construída no século XVI, foi financiada polo gremio dos mareantes, cuxo barrio, A Moureira, se estendía ao pé da súa fachada sur, unha marabilla plateresca moi representativa.
Continuamos pola rúa Isabel II ata a Praza do Teucro, chamada así en honra ao mítico fundador grego da cidade. Alí detivémonos a admirar pazos barrocos do século XVIII, como o de Gago, Montenegro, o do conde de San Román ou o de Pita. Seguimos visitando as prazas de Curros Enríquez e Méndez Núñez, onde puidemos apreciar as pegadas da nobreza na arquitectura das súas casas.
O paseo levounos polas rúas labirínticas do centro histórico, evocadoras e especialmente fermosas pola noite, que se abren en prazas con nomes ligados á súa antiga función comercial: a Praza da Verdura, onde aínda se mantén o mercado, ou a Praza da Leña, cun cruceiro no centro, soportais, galerías e casas de boa cantería que forman unha das postais máis emblemáticas da cidade.
Neste último lugar está o Museo de Pontevedra, onde realizamos o intercambio de grupo. Logo dunha pequena pausa, entramos ao museo guiados por Paula, quen nos acompañou por unha interesante viaxe pola arte e a historia: desde a sala funeraria ata as obras máis destacadas como o Retablo de Belvís, a Virxe Branca ou a arte galega medieval. A visita rematou na sala de Castelao, unha parada moi especial, xa que este ano se conmemoran os 75 anos do seu pasamento.
Xa fóra do museo, continuamos cara á Praza da Ferrería, organizada ao redor dunha fermosa fonte do século XVI. Este espazo aberto inclúe tamén a Praza da Estrela e os Xardíns de Casto San Pedro, auténtico corazón da cidade, lugar de lecer e celebracións.
Nesta zona destaca o convento de San Francisco, con igrexa gótica de máis de cen metros, cun gran rosetón na fachada e tumbas de pontevedreses ilustres. Tamén visitamos a Igrexa da Peregrina, símbolo da cidade, construída en forma de vieira a finais do século XVIII e situada xunto ao Camiño Portugués a Compostela.
Finalmente, rematamos a ruta regresando ao Museo, onde pechamos esta xornada cultural que nos permitiu coñecer mellor a nosa historia, o noso patrimonio e o valor dunha cidade que sabe conservar o seu pasado con orgullo.
📚 Un día diferente, cheo de aprendizaxes e cultura, que nos axudou a entender un pouco máis quen somos a través das pedras e prazas dunha cidade que fala por si soa: Pontevedra.