Tiña unha fita roxa no cabelo.
lembro todas as flores dos meus vasos de nena.
Tiña bicos a tarde,qué tesouro,
e bulía en buratos para dentro dos teus ollos.
A tarde tiña áas de paxaro,quentiño,quentiño,
as túas mans,riscadas do traballo,
calaban moitas veces para carexarme miúdo…
Eran días sen medo ós corvos sobre a testa
porque todo era estrela.
Logo,qué logo,houbo voar de follas,nomes,xentes.
Abrin portas,pecheiras;non se acouga con tanta multitude;
corrín a ser muller.E na tola carreira,perdín a fita roxa
que me chamaba nena.Debeu levala o vento
co froito dos anos,meus anos…
¿Pra qué terían áas de paxaro os dedos
que niñaban limpezas no cabelo?
Nai onte laveiche os ollos.E na palma mollada
repousaron aquelas tardes,a fita dunha vida mellor.
Ollos da miña nai.Cobizos de lareira sempre ao fogo.
¡Seica os ventos vos perden ou vos choran!…
Sen eles,a miña historia non ten ollos
Torres, Xohana (1953) in Aturuxo. Revista de Poesía e Crítica
Ningún comentario:
Publicar un comentario