venres, 17 de decembro de 2021

TEMPO DE REIS MAGOS, TEMPO DE INVERNO, TEMPO DE LECTURAS E DE LIBROS



Que marabilla é que che regalen e regalar libros! Os libros son o agasallo perfecto para as persoas lectoras, tanto para peques como para mozos e mozas. Son unha invitación a viaxar e a participar de outras vidas que poden estar tan lonxe como preto da nosa. Libros cos que aprender, coñecer, desconectar conectando con outros mundos e personaxes… En definitiva, libros que nos acompañarán o resto da nosa vida.
Ano a ano, entre os regalos máis desexados aparecen os libros, ao igual que entre os máis comprados... tanto para persoas adultas como para xente miúda como para adolescentes, e no caso destes últimos adoitan figurar na segunda posición do ranking, detrás dos videoxogos e videoconsolas.

Por mor da pandemia do Covid-19, este volve ser un Nadal diferente, distinto dos que ata agora coñeciamos, cheo de situacións que nunca pensamos que viviríamos, e con restricións necesarias para asegurar que todos poidamos volver ás aulas, tras as vacacións, con saúde, sen incidencias, sen sobresaltos e sen perigo á nosa “nova normalidade”.
Será precisa a responsabilidade colectiva e tamén a individual de todos nós; cómpre o respecto ás normas que nos ditan as autoridades sanitarias velando polo noso ben e, especialmente, pola integridade de aqueles que tanto queremos e que son os máis fráxiles, os nosos maiores.
Neste contexto dun Nadal caseiro, veñen na nosa axuda eses compañeiros extraordinarios que son os libros, compañeiros sempre fieis, coa súa vella apariencia en papel ou máis modernizados en formato de e-books ou tablets.

Serán días, tardes e noites de chuvia e de frío fóra, pero de calor e agarimo nas casas, coa nosa xente, entre panxoliñas, adornos e doces do tempo; entón nada mellor que buscar un recanto tranquilo e ler, ler sen présas, sen os agobios do curso escolar, o pracer de ler por ler, por gozar.
E aquí chegamos nós, ofrecendo unha escolma de libros cos que as Súas Maxestades poderán axudar nesa viaxe lectora, unha proposta suxestiva de títulos que enchan de horas felices este percorrido en tempos de Nadal e nos días de longo inverno que acabamos de estrear; as tardes de chuvia e as fins de semana de frío e pouca luz poderán verse amenizadas por lecturas abraiantes que nos trasladen, desde a comodidade dos nosos fogares a outros lugares e outras épocas para vivir mil aventuras.

Ningún comentario:

Publicar un comentario

A RECONQUISTA DE VIGO-VEDRUNA

🏰🛡️ Descubrindo a historia de Vigo! 🏰🛡️ Hoxe os pequenos exploradores do primeiro e segundo aventurámonos polas rúas da nosa querida cid...