Cantos botamos en falta neste Nadal a un pai, a unha nai, a un irmán, a un fillo, a un avó, a unha avoa, un amigo...Entre tantos familiares que se nos adiantaron, non resulta sinxelo sentármonos á mesa e ver o lugar baleiro de quen puido ocupalo pero, sen lugar a dúbida, isto debe levarnos a reflexionar o afortunados que somos de telos. Se doe a súa ausencia é porque formaron parte importante e significativa nas nosas vidas, e o estrañalos é o prezo de tanto amor pero, quen non estaría disposto a pagar o prezo unha e outra vez por todo o que nos ensinaron, por todo o vivido, por todo o seu amor e por todo o que compartimos? A este sentimento chamámolo Amor en silencio. O agradecemento é unha forma de render honra á súa existencia. Preguntácheste como lle gustaría ao teu ser querido ser lembrado este Nadal? Como o queres lembrar? Como queres honrar a súa memoria?
É normal que xurdan as bágoas e que nos enchamos de tristeza, de pena pero o Nadal a pesar das adversidades débenos encher de esperanza e de amor para compartirmos cos que aínda temos en vida. Podemos darnos a oportunidade de elevar a mirada ao ceo e dar grazas polo que temos, polo que tivemos e polo que está por chegar. Lembra que, ao reincorporarnos ás actividades que deixamos de facer despois da partida dos nosos seres queridos non quere dicir que os esqueceramos senón que aprendemos a colocalos nun lugar moi especial no noso corazón.
Quizais a dor aínda non che permitiu ver que a alguén lle importas, que alguén te necesita e espera con ansias unha forte e fonda aperta bisbándolle ao oído,
Bo Nadal!