Querido Apalpador:
Sempre temos un prato de comida na nosa mesa, por iso para este ano que está a punto de comezar desexamos que todo o mundo poida converter o seu soño de poder comer todos os días en realidade.
Prendemos a televisión e vemos películas mentres pensamos que todo é ficción e non nos damos conta de que está sucedendo no día a día de moitas persoas. Por iso, tamén queremos pedirche que dunha vez por todas o ser humano se converta nalguén solidario, comprensivo, tolerante e que axude ós demais.
Oxalá o 2025 soamente nos traia o son dos fogos artificiais e non o eco das balas que rematan coa vida de inocentes como está a pasar neste mundo que, ás veces, non comprendo.
Por se non o liches na prensa, esta fin de semana pasada , en Galicia, morreron dúas mulleres a mans de homes que pensaban que tiñan dereito a acabar coas súas vidas. Parece que vivimos nunha sociedade na que o machismo e a violencia gratuíta medra ,día a día, e non sabemos como acabar con este enorme problema. Sabemos que non lles podemos devolver a vida a estas mulleres, pero necesitamos a túa axuda para atopar unha solución que nos garanta a nós un futuro sen violencia de xénero e libre de calquera violencia.
Poderiamos pedirche moitos desexos máis, pero queremos rematar cun último que é moi moi importante. Oxalá neste 2025 o mar Mediterráneo deixe de ser un cemiterio. Xa vai sendo hora de que o mundo recobre a súa cordura e todos, sen excepción, poidamos vivir na nosa casa, seguros, tranquilos e sen medo a que unha bomba o destrúa todo e, oxalá que a xente de Valencia que mirou como as súas vidas mudaban radicalmente o 29 de outubro volva recuperar a súa vida normal
Vémonos o 24 pola noite. Estarémoste agardando brindarei por un 2025 no que se recupere o amor polos iguais e non exista nin o odio nin o rancor.
Feliz Nadal e próspero 2025!
Ningún comentario:
Publicar un comentario