Hoxe é o 25-N, Día Internacional contra a violencia machista. Os casos medran día tras días, mes tras mes. Abordar este enorme problema social desde o ensino é unha obriga. Quen non o entenda así, penso que se equivoca.
Debemos seguir NA LOITA. NO ENSINO POÑEMOS OS ALICERCES DUNHA SOCIEDADE MÁIS XUSTA. ESA É A MELLOR HERDANZA PARA AS XERACIÓNS FUTURAS.
Como muller síntome desprazada cando desde os comezos dos tempos o home se tomou como representación do ser humano. El era o que traballaba fóra, o que participaba nos xogos olímpicos, o que, en definitiva, mandaba.
No século XXI parece que aqueles tempos quedan moi lonxe. A muller é deportista de elite, traballa fóra e ocupa postos de mando. Pero, por desgraza, aínda estamos moi lonxe da ansiada igualdade. Se realmente existise, non estariamos aquí hoxe berrando en contra da violencia de xénero.
Todo comeza por pequenas pelexas que rematan en reconciliación. Con recriminacións e con pequenos empuxóns. Logo veñen as labazadas, os insultos e a degradación, que aínda doen máis que os golpes. O fin pode ser a morte. Liberarse desta situación non é sinxelo. Necesítase moita axuda e moita comprensión.
Non pensedes que esta violencia está lonxe, non, témola diante do noso nariz.
É o momento de rebelarnos, de contestar sen medo. Non permitades que vos fagan sentir inferiores. Quero unha sociedade con mulleres que piloten avións; con nenos e nenas educados nos mesmo valores; unha sociedade na que a muller non sinta medo da súa parella e na que todas as persoas poidan realizar os seus soños, sen que o seu sexo lles poña teitos de cristal.
A vida é moi bonita, vivámola xuntos, sen golpes, sen insultos, respectándonos. E se algún día deixamos de querernos, que cada un siga o seu camiño recordando sempre os momentos felices.
Adolescentes, nenos e nenas que me estades lendo. Lembrade: nas nosas mans está transformar este mundo e convertelo nun lugar no que, por fin, o maltrato non exista. Este é o primeiro chanzo para lograr un mundo en paz, sen abusos, sen maltrato doméstico, sen terrorismo de ningún tipo. Xuntos podemos conseguilo.
Ningún comentario:
Publicar un comentario