Por fin chegamos ao final dun curso complexo e difícil que comezou aló no mes de setembro cunhas previsións que prometían poñernos as cousas complicadas a toda a comunidade educativa. Foi este o curso das máscaras, do xel hidroalcóholico, das ventás abertas, das restricións da mobilidade, da prohibición de reunións con non convivintes, das negras estatísticas... Non o esqueceremos nunca.
Pero tamén é certo que todos soubemos facer fronte á situación e hoxe podemos dicir que fomos quen de sacar adiante o curso e de loitar coas dificultades.
Cómpre felicitarnos polo deber cumprido e desexar a todos un bo verán, unhas merecidas vacacións para recargar as pilas e volver o próximo curso con ánimos renovados.
Desde o EDNL do cole e de parte de todos os equipos, membros e por suposto da dirección , queremos felicitarvos polo traballo feito durante este tempo. Aínda que, coma sempre, hai excepcións, a maioría de vós demostrastes constancia e dedicación nas tarefas que enviastes, sobre todo, tendo en conta que fixestes un esforzo autónomo dun xeito e nun medio no que non estabades afeitos a traballar desde o inicio da pandemia.
Deberemos seguir mantendo as normas e continuar actuando con prudencia e “sentidiño”, coidando de nós mesmos e dos demais nesta loita contra o virus, ese inimigo que espera agochado a que baixemos minimamente a garda para colarse nas nosas vidas.
Aos nosos queridos alumnos queremos transmitirlles os nosos mellores desexos para os vindeiros cursos e ,en xeral, para o futuro. Recordade: “Work hard, dream big, never give up”: traballa duro, soña en grande , nunca te rendas.
Con esforzo e constancia chegaredes lonxe!
Disfrutade moito de verán, das ondas do mar, da calor sufocante, dos amigos, do pracer da lectura, do solpor, pero sempre con cautela e tendo en conta que o virus aínda está con nós. Así que, como dicimos os galegos: con sentidiño, pouco, pero que dure e coidade dos vosos pais; axudádeos, escoitádeos, mimádeos, porque eles son o máis importante nas vosas vidas. Son o piar básico da aprendizaxe da vida e dos vosos valores. A eles, GRAZAS, da nosa parte por estar sempre aí.
Unha forte aperta e un bico a todos, vémonos polo cole! Ata a volta, aí van os nosos desexos:
BO VERÁN !
Solpor na praia das barcas, Coruxo. |
Ningún comentario:
Publicar un comentario