sábado, 25 de maio de 2019

FESTIVAL DE CANS 2019, UN DÍA DE CINE!, Luces, cámara, acción!


E, por fin, chegou o gran día! os nosos alumnos, protagonistas da curtametraxe Os García, ían ao Festival de Cans!

O autobús recolleunos ás 9:15 en Torrecedeira e marchamos para Porriño. Os nervios por saber que nos esperaba alí e que sorpresas nos depararía o día, fixeron que estivésemos máis faladores ca de costume. O día acompañounos, pois fixo unha calor que aínda acentuaba os nervios nos nosos estómagos. Unha vez alí , recibíronnos, na esplanada de Cans, Charo Baleirón e Marga, responsables do Departamento de innovación pedagóxica, de Escolas Católicas, que nos presentaron a Keka Losada (presidenta da Asociación Arela) e organizadora do roteiro que fariamos por Cans, como inicio dun día enchido de emocións. Con Rubén, o guía dos nosos alumnos, visitamos o Ghaliñeiro e fomos á casa da señora Alicia, toda unha referente no festival, pois a Leira de Alicia é a finca con maiúsculas. Aí é onde se celebran os coloquios con directores e directoras recoñecidos e onde se programan todo tipo de actividades. Con ela fixémonos fotos de grupo e mantivemos unha amigable charla intercambiando algunhas verbas que nos deixaron claro o seu amor por eventos tan destacados coma este e pola séptima arte: o cine.

Leváronnos o Baixo do Moncho para a visualización das nosas curtas e alí estaban o promotor do festival, o director e actor porriñés Alfonso Pato que se define coma "guionista de traxectoria, periodista de alma e corazón, pero por riba de todo axitador cultural", pois a pesar de ser coñecido mundialmente como director do Festival de Cans, desde moi novo contribuiu ao enriquecimento cultural do seu pobo liderando e participando en diferentes iniciativas e velando polo seu Porriño natal, quen nos recibiu xunto co secretario de política lingüística da Xunta, D. Valentín García Gómez. Felicitounos por fomentar a creatividade, a autoconfianza, a participación activa e o traballo en equipo. polos premios das curtametraxes, destacando as partes introdutorias das mesmas , “ porque amosan unha calidade excelente; nalgún caso, de profesionais”- así dixeron .

Invitárannos á actividade a que andas? na que os nosos alumnos tiveron a oportunidade de conversar coa produtora e directora Diana Toucedo ( Treinta almas, Homes, 25 Cines/seg) sobre o apaixoante labor de elaboración dunha longametraxe, o tempo de rodaxe, o son, a imaxe, as horas de produción, etc e de escoitar os novos traballos cinematográficos de Álvaro Gago, Andrés Goteira, Chelo Loureiro, Lúa Testa, Fernando Cortizo, Victor Duplá e Juanjo Giménez . Alí estaba tamén o director alemán Hannes Stöhr, quen fixo unha retrospectiva da súa filmografía e falou da sorte que tivo ao coñecer en Berlín a actores galegos que estaban alí como Miguel de Lira, e de traballar con Luis Tosar e Blanca Cendán, pois formaron parte do elenco da película Galatasaray-Dépor e directores como Jorge Coira, a quen coñecimos pola tarde. Saímos para facer unha sesión de fotos nos chimpibús, un pequeno descanso e retomar a nosa actividade ás 11:30. Fomos ao Baixo de Bugarín onde tivemos a grande sorte de coñecermos aos actores Camila Bossa, que destaca polos seus papeis en Mareas vivas, Pratos combinados, Matalobos, Hospital central, etc, a Victor Duplá que participou en series como Amar es para siempre, Hospital central, Cuéntame como pasó, Serramoura, El ministerio del tiempo ou Fariña, onde destacou polo papel de Romero e a directores como Fon Cortizo ( director de cine vigués, que nos falou do seu último proxecto Sete fugas, e á directora Chelo Loureiro (Valentina).

Ao remate da mañá tocaba retomar forzas e fomos comer ao baixo da señora Alicia, onde se estaba a preparar todo para os concertos que ían ter lugar pola noite.

Xa pola tarde, ás 4.30, esperábanos Jorge Coira e o seu irmán Pepe Coira para amosarnos un pequeno avance do documental que sobre a figura de Beiras ( Xosé Manuel Beiras), titulado Beiras, vivir dúas veces, con quen charlamos amigablemente no espazo Fillos e fillas de Cans, ademais de presentarnos un avance dos seus novos proxectos directores, produtores e actrices como Gaspar Broullón, Paula Cons, Fon Cortizo, Liliana Torres e Roi Fernández . 

Ao acabar, con actores coma Miguel de Lira, Isabel Blanco ou Victor Mosquera, que tamén foron algunhas das estrelas que se atopaban con nós no baixo de Moncho, charlamos e intercambiamos opinións coincidindo co amor polo cine e destaco as verbas tan deliciosas e o cariño co que nos trataron. Que gusto poder compartir con persoas coma eles momentos coma así en espazos tan enxebres e ao lado da casa!

ENCANTADOS DE PODER VIVIR E DISFRUTAR DUNHA EXPERIENCIA TAN ENRIQUECEDORA, de escoitar, de compartir, de facer fotos, de gozar da maxia do cine e todo o seu mundo, ás 18:30, puxemos fin á nosa aventura cinematográfica con emocións encontradas e cun boísimo sabor de boca. Non hai palabras para definir un día coma o de onte! MARABILLOSO!!

Ningún comentario:

Publicar un comentario

A RECONQUISTA DE VIGO-VEDRUNA

🏰🛡️ Descubrindo a historia de Vigo! 🏰🛡️ Hoxe os pequenos exploradores do primeiro e segundo aventurámonos polas rúas da nosa querida cid...