mércores, 2 de outubro de 2019

A esfolla


Bos días a todos:
1.- Hoxe, chegado xa o mes de outubro, toca falar sobre un cereal que trouxo Colón das Américas en 1492.

2.- A recollida do millo ou chamada esfolla é un costume tradicional galego. Sabedes en que consiste?

1.- Sinxelo! Só temos que recoller as espigas, lles quitamos as follas e as barbas e logo as colocamos en sacos que se gardan en hórreos para aguantar o inverno.

2.- É un traballo duro, pero moi divertido!

1.- O millo é un cereal sen gluten, rico en fibra e moi dixestivo que se utiliza para facer deliciosas empanadas recheas de berberechos, carne, etc ou o pan de broa que se elabora con fariñas de millo e de centeo recén peneiradas.

2.- Nada máis saudable que o millo para elaborar unha boa comida ou merenda. Para que digan despois os maiores que non sabemos comer!

1.- Xa cho digo! ata a próxima información!

1 e 2- Bo día a todos e a seguir aprendendo!!



mércores, 18 de setembro de 2019

Imaxes con memoria

Porque unha imaxe vale máis ca mil palabras...
Porque as imaxes manteñen viva a nosa memoria...


amor, avó, mimo...




Calma, area, felicidade...
                                                        
As imaxes e as palabras poden por si soas establecer un fermoso diálogo que activan a nosa memoria e nos devolven ás nosas orixes. Por iso, desde o EDNL queremos que nos fagades cómplices de recordos, lembranzas, momentos especiais que nos axuden a compoñer a memoria, tan doente hoxe en día por enfermidades coma o alzheimer.
Agradecemos que, a través dos correos electrónicos  ou en formato papel, nos fagades chegar todas aquelas fotos que vos fagan lembrar e recordar momentos únicos e que acompañados dunha palabra sentencien esa vivencia.
Farase unha recopilación nun álbum que gardará a nosa memoria colectiva e será exposta polo mes de maio na entrada do colexio.
Agradecemos de antemán a vosa colaboración!

luns, 16 de setembro de 2019

BENVIDOS A UN NOVO CURSO ESCOLAR que arrancamos, precisamente hoxe, 16 de setembro, cuns obxectivos ben claros:
O Equipo de Dinamización da Lingua Galega, órgano encargado de promocionar o uso da Lingua Galega no seo da comunidade educativa do noso colexio,  imos seguir traballando neste curso 2019-2020 para:

  1. - Conseguir que o noso alumnado coñeza e supere os prexuízos que existen sobre o uso público da nosa lingua e vexa nela unha fonte de riqueza patrimonial, identitaria e mesmo económica, como elemento diferenciador que é.
  2. - Cambiar as actitudes pasivas e mesmo negativas verbo da lingua que aínda manteñen algúns alumnos e membros da comunidade educativa.
  3. - Superar os complexos lingüísticos manifestos ou subxacentes que poidan existir á hora de empregar a nosa lingua.
  4. - Potenciar a investigación, difusión e coñecemento dos valores históricos, culturais... de Galicia e ver neles a aportación desta comunidade ao ben cultural universal.
Para iso, queremos botar man dun vídeo que esperemos vos faga reflexionar. Velaí vai!
Animámosvos a que probedes e disfrutedes da sensación que un experimenta co propio: a lingua!
A traballar polo fomento e mimo da nosa cultura e lembra: VIVAMOS COMA GALEGOS!!

sábado, 14 de setembro de 2019

A lura Patuxa cobra vida


Toda unha sorpresa! moi grata.
Agradecidos estamos polo que Saúl e a súa familia fixo logo de saber que a lura Patuxa, o personaxe que el deseñou para representar ao equipo dinamizador do noso cole, cobrou vida.
Aquí temos un pequeno vídeo que simboliza o cariño dun traballo moi ben feito por parte do gañador do premio á mascota que nos representa. 
Grazas Saúl por darlle vida á túa creación e facer que unha ilusión do noso equipo se puidera materializar  e converter en realidade.
Parabéns, porque é preciosa! Desde o EDNL do cole agradecemos moitísimo o teu traballo e o entusiasmo!

domingo, 8 de setembro de 2019

Os nosos costumes!

Desde o EDNL queremos render unha sentida homenaxe a todos os traballos que se levan a cabo en moitas zonas de Galicia e que están vencellados cos típicos costumes galegos. Un traballo acompañado de boa música tradicional para facer máis divertida a xornada e sempre da man dunha boa gastronomía. Para iso, encargámonos de poñer unha data na que celebralos.

Así, o 18 de setembro traballamos a vendima, o 2 de outubro a esfolla do millo, o 6 de novembro o magosto, o 4 de decembro o Apalpador, xa en xaneiro virán os reis, en febreiro disfrutaremos coas nosas mellores galas de entroido, en marzo abrirémoslle a porta á primavera, en abril festaxamos as nosas letras, en maio elaboraremos un e en xuño agradeceremos o traballo coordinado cun bo equipo e a descansar para o vindeiro ano!

  


xoves, 1 de agosto de 2019

Refráns agosto

A auga de agosto non fai magosto.

En agosto, anque sexa pouco, quen non goza é louco.

luns, 1 de xullo de 2019

Refráns xullo

Xullo arder e patacas coller.

O que non aproveita xullo para se bañar, é que ten medo do río e do mar.

xoves, 20 de xuño de 2019

Xa en xuño...GRAZAS!!



Case chegando xa á recta final do curso, queremos agradecer a colaboración, a axuda de todos os membros que forman parte do EDNL e do traballo que desenvolveron todas aquelas personas que estiveron con nós ao longo deste curso que está a piques de rematar.

Velaí vai a nosa receta, pero coma bos cociñeiros, o ingrediente secreto gardámolo para nós.
Traballamos con moito cariño, paciencia... pois había que traballar contra reloxio( exames, traballos, presentacións, exposicións...), con moitos quérotes que nos insuflaron enerxía e moitos aloumiños das profes e dos nosos alumnos que nos axudaron a mesturar todo para servírvolo ben.

Agardamos que todo o que se fixo e aquí quedou recollido parte do feito, resultase do voso agrado e poidamos dicir que conseguimos que amedes un pouco máis a nosa lingua porque nos sentimos:

ORGULLOSOS DO NOSO, ORGULLOSOS DE SER GALEGOS!

Unha aperta ben grande de todos os que formamos parte do EDNL do noso cole, Carmelitas.
Bo verán e a disfrutar moito en familia, cos amigos e da vida, pero con sentidiño!
Grazas a todos e ata o curso que vén!

mércores, 12 de xuño de 2019

Mañá cos pequenos do cole




Hoxe, unha pequena representación dos nosos alumnos de 4º ESO foron visitar aos máis cativos do pavillón e amosarlles os traballos que fixeron para eles na materia de lingua galega, en proxectos cooperativos . O aseo persoal, as partes da casa, as partes do corpo,  os animais, os estados, etc foron algunhas das cuestións que se lles explicou aos cativos.
Os profes fixeron unha valoración moi positiva de seu traballo e é algo que agradeceron os nosos maiores.
Parabéns polo traballo ben feito!