mércores, 1 de xaneiro de 2020
Frases feitas sobre o tempo: Xaneiro
XANEIRO:
- Xaneiro que non enche o regueiro, non é colleiteiro.
- Xaneiro xeadeiro.
- Xaneiro xeadeiro, febreiro porraqueiro, marzo espanadeiro, abril augas mil.
- En xaneiro planta o teu alleiro.
- Xaneiro porraqueiro, nin boa meda nin (bo) palleiro.
- Xaneiro heloso, febreiro febroso, marzo airoso, abril chuviñoso, maio pardo, San Xoán claro, Santa Marina clariño, agosto arder, setembro beber.
- En xaneiro, sete lobos no carreiro.
- O lobo en xaneiro, sete e sete no carreiro; en abril, cátame no cubil; en maio, xa son bon gaio; en
- O 1 de xaneiro, o salto dun carneiro.
- No xaneiro, sete e sete no carreiro.
- Se no xaneiro canta a ra, no maio xa calará.
- San Antonio verdadeiro o 17 de xaneiro e a súa festa lle fan o 13 de San Xoán.
- Se queres ter bo alleiro, bótao no mes de xaneiro.
- En xaneiro, as verzas saben a carneiro, en maio darllas ao criado e en outono, volven ao mesmo dono.
- En xaneiro sube ao outeiro; se ves verdear, ponte a chorar; se ves blanqear, ponte a cantar.
- En xaneiro, torretiñas de pan a medrar.
domingo, 29 de decembro de 2019
Xa chegou o inverno!
Nestas datas frías de inverno, son tempos da caída da folla, de paisaxes outonais de enorme beleza e con esta desculpa imos tratar o tema dos nomes das árbores e arbustos en galego, para contibuírmos ao coñecemento do medio que nos rodea. En todos os cursos e en todas as etapas podemos ir dando pasiños para dominar mellor o léxico da nosa lingua. Nesta época do ano obsérvanse, aínda con claridade, os distintos tipo de folla, o carácter de árbore perenne ou caduca, só con prestarmos un pouco de atención ao que temos ao noso arredor.
Imos poñer por orde alfabética os nomes das árbores e arbustos máis correntes en Galicia coa correspondente definición. Evitaranse , no posible, o exceso de termos científicos e incluír algúns datos que poidan servir para identificalos dun xeito doado.
Abeleira: árbore que ten como froito as abelás, célebre por saír nas cantigas de amigo chamadas bailadas.
Abruñeiro: árbore da familia das rosáceas que ten como froito o abruño, unha especie de ameixa brava.
Acacia: árbore que florece en primavera, ten flores en acios de cor amarela que logo dan unhas sementes nunha especie de vaíña. É invasora. Moi vistosa nas beiras do Sil. Tamén hai a chamada falsa acacia, que ten flores brancas en acio e follas compostas redondeadas,
Aciñeira: árbore parecida ao carballo.
Acivro: arbusto con follas espiñentas e froitos vermellos en forma de baia, antigamente empregado como adorno por Nadal, actualmente é unha especie protexida.
Ameixeira: árbore da familia das rosáceas que ten como froito a ameixa.
Ameixeira: árbore da familia das rosáceas que ten como froito a ameixa.
Amieiro ou ameneiro: árbore que medra nas beiras dos ríos ou outros lugares húmidos.
Bevereira: árbore semellante á figueira que produce béveras.
Bido, bidueiro: árbore cadicufolia con casca de cor branca e follas triangulares. Antigamente a súa madeira empregábase para facer paus de zoco e hogano aínda se emprega para afumar e curar os queixos de San Simón en Vilalba.
Buxo: arbusto do xénero Buxus , de follas perennes, flores sen corola e froitos nunhs cápsula. Emprégase en sebes de xardíns. Medra lentamente e a madeira é moi dura polo que se emprga para facer instrumentos musicais. Na fraseoloxía está presente en frases como "estar san coma un buxo": estar forte, robusto.
Capudre: árbore característica da alta montaña. As follas parécense ás do freixo e bota unhas vistosas baias vermellas.
Castiñeiro: árbore de gran porte que produce castañas e madeira. Esta emprégase para facer mobles.
Carballo: árbore de folla caduca moi abondosa en Galicia. Produce landras e dela faise leña para quentarse no inverno ou secar os chourizos.
Carqueixa: arbusto de flores amarelas que medra nos montes. Empregábase para estrume dos animais.
Caxigo: carballo novo.
Cerdeira:árbore da familia das rosáceas que produce as cereixas.
Chopo: árbore de madeira branca e branda. Medra en lugares húmidos, crece con rapidez. Tamén chamado lamigueiro, olmo ou ulmeiro.
Ciroleira:árbore da familia das ros´ceas. produce as cirolas.
Codeso: arbusto de pouca altura, con flores amarelas.
Concheiro: Tamén chamado nogueira. produce os conchos ou noces. É de folla caduca.
Érbedo ou erbedeiro: medra en montes e produce os érbedos. Estes empréganse para elaborar licores e doces ou como comida dos paxaros.
Escambrón: arbusto espiñento da familia das rosáceas, con copa arredondada e densa, flores brancas e froitos en baga de cor vermella. Tamen chamado estripeiro.
Espiño:arbusto ou árbore que se atopa nos lindeiros ou prados, con flores brancas que florecen en primavera e picos no talo. Tamén chamado espiño albar.
Estripeiro: escambrón.
Faia:árbore da familia das fagáceas, da que quedan poucas en Galicia, haina en Quiroga. É caducifolia, con casca grosa de cor gris e follas verde cinsento.
Fatoeiro: árbore da familia das rosáceas. ten como froito o fatón.
Figueira: árbore con toros retortos e grandes raíces- produce os figos.
Freixo: árbore que se emprega para madeira. Recoñécese polas súas follas compostas e as inflorescencias en forma de acio.
Guindeira: árbore da familia das rosáceas, cuxo froito é a guinda.
Lamigueiro: Outro nome é chopo.
Laranxeira: árbore con flores brancas moi recendentes que produce as laranxas.
Limoeiro: árbore que ten como froito o limón.
Loureiro: árbore de follas perennes, brillantes e verdes que se usan como condimento nalgúns pratos.
Maceira: árbore da familia das rosáceas que ten como froito a mazá.
Marmeleiro: árbore da familia das rosáceas que ten como froito o marmelo. En outono recóllese o seu froito para facer doce de marmelo.
Melocotoeiro: Tamén recibe o nome de pexegueiro. É unha árbore froiteira que florece en primavera e produce o melotón.
Mimosa: árbore da familia das mimosáceas.
Nespereiro: árbore da familia das rosáceas. Ten como froito a néspera.
Nogueira: árbore caducifolia de bastante porte. Produce noces tamén madeira.
Oliveira: árbore presente en Galicia en zonas como Quiroga, ten como froito a oliva, da que se extrae aceite.
Pereira: árbore rosácea que ten como froito a pera.
Pexegueiro: árbore de pouco porte, con flores rosadas que florecen en primavera. ten como froito o pexego.
Piorno: arbusto de pouca altura, con flores brancas que florecen en primavera.
Piñeiro: árbore perenne con follas en forma de agulla. O piñeiro manso produce piñóns, O bravo só madeira.
Plataneiro:árbore con bastante porte e con follas de gran tamaño. Emprégase para dar sombra en xardíns.
Pradairo: árbore con inflorescencias parecidas ás do freixo; as follas parécense ás do plataneiro. medra preto dos ríos.
Queiroga: arbusto de flores rosadas que medra nos montes, por ex, no Courel, florece en primavera.
Rebolo: carballo novo. Unha devesa de rebolos é unha reboleira.
Sabugueiro:árbore de pouco porte, con talos ocos, flores brancas que florecen por San Xoán e que logo dan uns froitos de cor viño en acios. Pódense comer en marmelada.
Salgueiro: árbore da familia das salicáceas. Emprégase para facer leña ou varas para os fréxeles.
Sanguiño: árbore ou arbusto de casca vermella. Cítao Curros no seu poema "Nouturnio".
Sobreira: árbore da que se extrae a cortiza, empregada para facer tapóns ou para outros usos.
Teixo árbore conífera, produce unhas baias negras velenosas, famoso por ser empregado polos galegos no monte Medulio para matarse e non entregarse aos romanos.
Tilleira :árbore da que se extrae tila, fanse infusións coas súas follas e flores.
Toxo: arbusto de flores marelas moi característico de Galicia. Empregábase para estrume dos animais, para facer esterco.
Ulmeiro:árbore chamada tamén amieiro, ameneiro, lamigueiro.
Uz:arbusto de flores brancas que medra nas ladeiras das montañas. Os toros de uz empregábanos antigamente os xamoneiros que compraban xamóns polas casas para furar o xamón e comprobar que non estaba perdido.
Vimbieiro: ou vimieiro ou bieiteiro arbusto caducifolio da familia das salicáceas con ramas alongadas e flexibles, amarelas e follas lanceoladas. Dá o vime ou vimbio, empregado para facer mobles ou cestos (castelán mimbre).
Xenebreiro: árbore que prodece un froito en forma de baga do que se fai a xenebra. Tamén chamado cimbro.
Xesta:arbusto de flores amarelas e semente en vaíña, empregado para facer leña, por ex. para roxar o forno do pan cando se coce.
Xilbarbeira: arbusto de follas triangulares. espiñentas que bota unhas baias de cor vermella. Antigamente empregábano os varrendeiros para facer vasoiras.
luns, 23 de decembro de 2019
venres, 20 de decembro de 2019
xoves, 19 de decembro de 2019
Suxestión para a cea de Nadal
Hoxe queremos traervos unha suxestión para a cea familiar de Nadal. Se facedes a proba, non dubidedes en compartir o vídeo ou a imaxe con nós, ben a través do correo como polos vosos fillos.
Velaí vai un primeiro prato e unha doce sobremesa. Bo proveito e boas fiestas en familia!
Velaí vai un primeiro prato e unha doce sobremesa. Bo proveito e boas fiestas en familia!
luns, 9 de decembro de 2019
Homenaxe aos maiores
Os nosos alumnos de 2º ESO, foron visitar , nunhas datas moi entrañables, aos maiores da residencia Santa Marta, compartindo con eles o seu cariño e sendo conscientes da importancia de compartir o máis valioso que temos: o tempo.
Os maiores son o espello no que debemos mirarnos, pois necesitan todo o noso cariño e paciencia, ingredientes fundamentais da receita para coidar deles. Non podemos esquecer que son os piares das nosas vidas, que nos coidaron, acompañaron , ensinaron e agora é o momento de demostrarlles a nosa gratitude por darnos unha vida. Algún día, eses maiores seremos nós!
Grazas a todos eles!
domingo, 8 de decembro de 2019
venres, 6 de decembro de 2019
luns, 2 de decembro de 2019
domingo, 1 de decembro de 2019
Subscribirse a:
Publicacións (Atom)
-
Ola a todos, meus queridos nenos. Sabesdes quen son? …Pois, o meu nome é Rosalía de Castro e son unha escritora que naceu, como as princesa...










